Monday 29 de April de 2024

O Entroido de San Sadurniño repartirá este venres 850€ en premios


Todo está preparado na praza do antigo Concello de San Sadurniño para celebrar o Entroido. A carpa montada, o pequeno escenario armado… e pouco máis, só falta que este venres o lugar se encha de máscaras para pasar unha xornada de moito divertimento que estará dividida en dúas partes: pola mañá, a partir das 11:30h, o desfile do alumnado do CPI por Marqués de Figueroa -cortarase o carril de baixada- e á tardiña, das 19:30h en diante, a festa para toda a veciñanza. Unha festa na que haberá 850 euros en premios en forma de vales para o comercio e a hostalaría local. Ademais, a troula nocturna -con petiscos a prezos populares- estará animada polo grupo folc Encrucillada.

O Entroido da cativería da escola comezará ás 11:30h cun pasarrúas desde o centro de ensino até a carpa, onde os distintos cursos subirán ao escenario para mostrar os seus disfraces e botarlle, se queren, unhas cantadas. De feito, todo o traxecto estará animado por Ferreñas Club, integrado por gaiteiras, acordeonistas e pandereteiros do centro de ensino.

Para o paso do desfile será necesario cortar das 11:30 até aproximadamente as 12:00h o carril de baixada de Marqués de Figueroa no tramo comprendido entre a entrada principal do CPI e a Casa da Cultura. Estará sinalizado con conos e permitirase o tráfico de subida. Por esta razón, e para evitar esperas e atascos innecesarios, aconséllase utilizar como vías alternativas a pista do Inxerto ou ben a que baixa desde a Agra á estrada de Pedroso.

Desde Cultura precisan, iso si, que a restrición á circulación nos pouco máis de 150 metros de carril cortado será polo tempo imprescindible para o pasarrúas e que, se non hai retrasos no comezo, o máis seguro é que se volva abrir incluso antes das 12.

Festa á tardiña con premios para varias categorías
Xa pola tarde, a partir das 19:30h, terá lugar debaixo da carpa -que disque vai facer boa falla- o carnaval aberto a toda a veciñanza, neste caso animado polo grupo folc Encrucillada. Tralo éxito do ano pasado, o Concello repite o formato da festa, cun concurso de máscaras -haberá que anotarse alí mesmo entre as 19:30 e as 20:30h- que outorgará os seguintes premios:

Infantil individual (0 a 8 anos), dous vales de 35€ para gastar no comercio local
Xuvenil individual (8 a 18 anos), dous vales de 35€ para restaurantes locais
Parellas (maiores de 8 anos), dous vales de 70€ para restaurantes locais
Adulta individual (máis de 18 anos), dous vales de 35€ para restaurantes locais
Grupo (entre 3 e 6 persoas), dous vales de 100€
Comparsa (máis de 7 persoas, con animación musical), un vale de 300€ canxeable nun restaurante local
Malia a coincidencia con outras citas na comarca, o departamento de Cultura agarda que na tarde-noite deste venres se xunten na praza do antigo Concello un bo número de máscaras, comparsas e xente con ganas de vir botar unhas risas co enxeño e o humor entroideiro.

A celebración será aperitivo dun sábado que concentra tres actividades veciñais: o cocido de Bardaos, que xa ten o cupo cuberto; o cocido animado polos Carecos da AVV Xuntanza de Lamas, que pechou onte as inscricións (pódese probar a ver se aínda teñen algún oco chamando ao 618 838 760 ou ao 664 203 738); e, por último, o Entroido Infantil da AVV O Castelo de Naraío, a partir das 18:00h no local da Veiga con entrada libre para o “Cantabaila” de LaGuaGua.